Friday 03 de May de 2024

Acometidas tarefas de conservación da cuberta da Torre de Bermúdez


Nos pasados días efectuouse unha intervención focalizada na Torre de Bermúdez, sede do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, a cal está declarada como Monumento Histórico-Artístico de carácter nacional e Ben de Interese Cultural (BIC). Segundo explicaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), atendeuse a conservación de urxencia da cuberta do torreón propiamente dito para evitar filtracións, polo cal se levaron a cabo traballos de retirada da vexetación existente e substitución das tellas desprendidas e rotas.

A dita actuación foi executada por Constrios S.L., por un importe de 5 687 euros, IVE incluído.

Anunciaron, ademais, a previsión de que as tarefas prosigan en 2022 na cuberta da zona expositiva anexa á Torre. Tamén indicaron que dende a Administración local se está estudando un convenio coa Consellería da Cultura que contempla a restauración de tódalas fachadas e a recuperación da pedra do inmoble. Neste senso, trasladaron o compromiso por parte do Concello para protexe-lo patrimonio público.